Esta comunicación quere facer especial fincapé sobre a importancia da prevención de riscos laborais, tanto na síndrome de Burnout, como en calquera outros prexuízos que poidan derivarse do noso traballo. As accións preventivas son a opción de futuro para esta síndrome que se define moi ben coa frase «cando querer non é poder» e para outras patoloxías afíns que teñen a súa orixe no traballo. Se damos cumprimento, cada un desde a súa responsabilidade, ás obrigas preventivas, encontraremos que os mellores instrumentos son a información, a formación e a inclusión deste risco na avaliación sistemática. É necesario evitar ou minimiza-lo máis posible os riscos que poden desencadea-la sintomatoloxía propia da síndrome, mediante unha adecuada xestión dos recursos humanos, primando a motivación e a valoración do traballo. Se se actúa de xeito eficaz neste estadio previo evitaríanse, a través da prevención, as negativas consecuencias que o traballador padecería nos ámbitos persoal, familiar, social e laboral. Nada é tan importante como a vida e a saúde das persoas, de aí a necesidade de atalla-los posibles perigos para tan preciados bens mediante a prevención de riscos laborais.